Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2016

Grazas, detectives

Rematamos curso e rematamos tamén o concurso de detectives que estivemos a realizar durante os últimos meses aproveitando o libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press. Publicamos dúas historias con 11 capítulos cada unha. E recibimos un total de 215 respostas ás preguntas coas que remataba cada un dos capítulos. Moitos nenos e nenas achegáronse durante estas semanas para pedirnos que o concurso se prolongase no vindeiro curso. E así o faremos.  Agora chega un tempo de desconexión, e agardemos que tamén de inspiración para imaxinar e deseñar novas actividades de dinamización da biblioteca escolar. Vémonos en setembro. Saúdos!

O primeiro caso está resolto

Xa quedou resolto o primeiro caso das aventuras deses catro rapaces que se deron en chamar "A man negra". Os detectives da semana durante estes once capítulos foron: Antía Recarey Xerome Vence (2) Marta Morgade (2) Elisa Tourís Diego Poza Martina Jueguen Claudia Maneiro e Alba Barreiro Olalla Otero Martiño Pérez Ánimo porque agora, e ata final de curso, iremos co segundo caso. Trátase dun roubo nunha casa. Temos que atopar os ladróns. Estade atentos aos capítulos que iremos colocando no taboeiro da biblioteca.

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.

Un atlas para pasar a tarde

Hai libros que entran de tal xeito polos ollos que poderiamos estar toda a tarde pasando páxinas para adiante e para atrás, mirando abraiados os seus debuxos. O Atlas do Mundo de Aleksandra Mizielinska e Daniel Mizielinski, editado por Maeva, é un destes marabillosos libros. En 27 cm de ancho e 37 cm de alto, máis de 100 páxinas a cores, poderemos atopar mapas ilustrados dunha chea de países con exemplos da súa fauna, flora, costumes, persoas famosas, etc. Con este libro non só podes aprender senón que tamén permite xogar, por exemplo, a buscar animais por parellas, averiguar bandeiras, etc.  Merece a pena que lle botedes unha ollada. Estamos seguros de que vos vai encantar.

Unha raíña que viaxa polo mundo

Os libros da raíña Trotamundos son verdadeiramente fermosos. Con ela podemos viaxar por diversos países do mundo e coñecer os seus costumes. As ilustracións son moi vistosas e ademais son libros de pastas duras. A editorial Combel acertou de cheo con esta colección chamada Caballo loco pois non só entreteñen senón que favorecen a integración e o multiculturalismo nos colexios. Temos os catro volumes da colección na biblioteca do centro. Están á vosa disposición para empréstimo e para consulta. Non vos defraudarán!

Xerome repite como detective da semana

Xerome é afortunado. O seu papel volveu ser o elixido para detective da semana. Desta vez a man inocente foi a de Hugo Novás. O vindeiro venres día 18 sacaremos o gañador ou gañadora do novo capítulo e teremos que agardar ao 1 de abril para obter un novo detective da semana. Ánimo e a seguir participando! Xerome Detectives da semana 26 de febreiro: Antía Recarey 4 de marzo: Xerome Vence 11 de marzo: Xerome Vence

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

Curiosidades científicas na biblioteca

Unha das principais carencias da biblioteca que estamos tratando de paliar é a falta de fondos para investigación que resulten actuais, rigurosos, atractivos e adaptados ás necesidades do noso alumnado. O proxecto a longo prazo contempla dedicar a metade da biblioteca a este tipo de recursos e organizalos nos andeis seguindo a Clasificación Decimal Universal, é dicir, por áreas de coñecemento. Hai unhas semanas adquirimos unha colección de libros sobre ciencia da editorial Everest que nos pareceron axeitados para os nosos propósitos porque son lixeiros, fáciles de ler e veñen cheos de curiosidades científicas. Esta mañá xa foi emprestado o que trata sobre as construcións. Animamos a consultalos pois hainos sobre máquinas, climas, astros, comunicacións, transportes, etc.