Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2015

Recatalogando fondos

Un dos principais obxectivos deste ano escolar é iniciar a recatalogación dos fondos bibliográficos para permitir a súa mellor identificación. Así estamos a colocar os primeiros tellolos a algúns libros de contos da editorial Blume escritos polo francés Antoon Krings. O sistema polo que nós apostamos é o código de cores que propón a rede de bibliotecas da Xunta de Galicia: azul nos libros axeitados para pre-lectores, vermello para os de 6, 7 e 8 anos; e verde para os de 9, 10 e 11 anos de idade. A primeira liña do tellolo indica o grupo xenérico ao que pertence e a lingua na que está escrito. Así N-C refírese a narrativa en castelán. Na segunda liña aparecen en maiúsculas as primeiras tres letras do apelido do autor. É isto o que se utiliza para ordenalos nos andeis. Por último, na terceira liña, incluímos as tres primeiras letras do título. Postos os alicerces da catalogación física queda por diante un traballo longo que permitirá atopar os libros con maior facilidade e que axuda

Un adianto do BP4

Xa temos rematado e listo para facer copias o novo número do boletín da biblioteca escolar. Esta vez chéganos con colaboracións do alumnado de sexto de primaria que analizan as novidades do mes. Na primeira páxina facemos unha reflexión sobre o estado actual da biblioteca e sobre o rumbo que debe tomar neste ano que pronto comeza. Tamén animamos a todo o mundo a colaborar no próximo número que queremos publicar a principios do mes de febreiro. Andando!

O regreso da bolboreta

Chegan novidades á biblioteca do colexio. Estamos a preparar un novo boletín que publicaremos un destes días. Desta vez imos incorporar toda unha páxina de textos elaborados polo alumnado de sexto de primaria. Encargáronse de facer as reseñas das novidades do mes e esperamos que sexan útiles para que todos os nenos e nenas do colexio poidan decidir que libros coller emprestados para ler na casa ou na aula. Por outra banda, hoxe mesmo chegou á escola novo mobiliario para a biblioteca: unhas estanterías máis modernas e máis altas. Así poderemos substituír as vellas por estas novas. En fin, que a biblioteca quere ir dando pasiños, quizais aínda curtos, pero na boa dirección.

Contos dixitais

As ferramentas dixitais para a escritura creativa resultan de enorme utilidade no ensino primario. Á propia tarefa escrita incorporan o elemento motivador das novas tecnoloxías. Son ferramentas flexibles. Podemos modificar o tamaño e o aspecto das imaxes e elixir diferentes deseños para atopar o máis axeitado e lexible. Por se isto fora pouco, é moi doado compartir historias e recibir comentarios dos amigos e compañeiros. Esta mesma mañá, despois dunha hora dedicada a conceptos lingüísticos un pouco grises, decidimos que era bo momento para facer unha historia colaborativa na aula de sexto de primaria, case a modo de ensaio. Saiu isto.

Unha doazón que agradecemos

Hoxe toca agradecer a Francisco Javier Novás e a Paula Novoa, pais de Sara e Hugo, a doazón de dúas caixas de libros infantís que nos van vir moi ben na biblioteca escolar. Por que? Pois porque os máis pequenos do colexio son os que maior uso fan dela, son os que máis nos visitan e os que máis libros levan emprestados. A nosa materia pendente é atraer o alumnado de máis idade. Vaia pois o noso agradecemento á familia de Sara e Hugo. Agora toca catalogar o material recibido e poñelo nos andeis á disposición dos usuarios e usuarias da nosa biblioteca.

Os novos carnés

De todos é sabido que a nosa Biblioteca precisa dunha boa renovación se queremos convertila nun espazo de lectura e investigación agradable e útil. Son moitos os cambios que teremos que ir facendo nos vindeiros meses e anos. Polo momento deixamos atrás os vellos carnés en branco e negro, algo tristóns, e apostamos por estes máis novos a cores que agardamos gusten a todos os lectores. Que sirva só como exemplo do que soñamos: máis cores e máis vida para a biblioteca. Quizais dentro dun tempo poidamos xa descargar eses carnés modernos con código de barras que se poden escanear cun aparello como o dos supermercados. Pero polo momento este é un pequeno paso estético. Aínda que tamén hai que dicir que aproveitamos a ocasión para actualizar a lista de lectores, liberar números baleiros e facer carnés ao novo alumnado chegado neste curso. Que unha cousa non vai en contra da outra.

A noite de San Xoán

En Baión coñecemos ben o San Xoán pois a igrexa parroquial está dedicada a este santo. Se somos precisos, deberiamos sinalar que a tradicion da súa festa é moi anterior. Provén dos tempos do paganismo, nos que todos os ritmos da vida viñan marcados pola natureza. Pero iso agora tanto ten. Beatriz Rodríguez, de sexto de primaria, escolleu para a súa presentación un bonito conto de Agustín Fernández Paz que leva por título A lúa na fiestra . E aínda que andamos xusto no outro cabo do ano, achegándonos máis e máis á noite máis longa, pareceunos unha ocasión magnífica para lembrar algúns costumes desa noite de alegría na que damos a benvida ao verán con cacharelas e grande festa. Deunos para falar das herbas de San Xoán, esas que mesturadas con auga, ao albor do día seguinte, teñen un recendo máxico. Ai, estes contos nos que facemos realidade ese soño eterno de poder voar, de pasar como foguetes por enriba das casas, ollar o mar como fan as gaivotas, os ríos, as montañas e as fragas

Un autor que parece Roald Dahl

Algúns chámanlle o novo Roald Dahl pois o seu estilo ten moito parecido co do gran autor galés, pero David Walliams é moito máis ca un escritor de éxito. É actor, cómico, presentador de televisión, deportista e activista. Leva vendidos máis de catro millóns de libros desde que se iniciou na sempre esixente tarefa de escribir para o público infantil. Pois ben, o pasado mércores na aula de sexto de primaria, Sonia Santamaría elixiu un dos seus libros para presentarllo ao resto da clase. O título seleccionado foi La increíble historia de la dentista demonio ( Demon Dentist , 2013). Sonia leunos con moita animación o primeiro capítulo, o que conta a disparatada visita de Alfie, o protagonista da historia, ao seu incorrixible dentista. Este libro seguro que fará as delicias de todos os nenos e nenas que teñan a sorte de achegarse á obra de David Walliams. Por certo, acaba de saír editado hoxe mesmo un novo libro que leva por título Grandpa Great Escape , é dicir, algo así como a gran es

A física pode ser divertida

Todos os días da semana dedicamos polo menos 30 minutos á lectura. Na aula dos máis maiores, os nenos e nenas de sexto de primaria, Brais Torre presentou esta semana un dos seus libros favoritos. Titúlase Física divertida para gente curiosa , é da editorial SM. É un libro moi vistoso, con solapas que nos permiten interactuar cos seus contidos. Ademais de información moi valiosa sobre diversos aspectos desta ciencia como a luz, o movemento e a electricidade, o libro inclúe propostas de experimentos. Brais, en xesto de xenerosidade, decidiu que o libro quedara durante uns días na aula para que outros compañeiros poidan consultalo. Grazas a este libro, por certo, coñecimos o nome do ilustrador inglés Thomas Flintham , autor de debuxos para moitos libros. Na aula quedamos encantados cos seus debuxos. Aquí podedes consultar unha escolma da súa obra por se vos interesa.

Saúdos desde Baión

Benvidos e benvidas ao blogue da Biblioteca Escolar do CEIP de Sestelo-Baión. O curso está xa a puntiño de comezar e ao longo del iremos presentando as novidades que teñen por finalidade convertir a biblioteca nun espazo de animación á lectura e en centro de recursos útiles para o acontecer diario da nosa escola pública. Saúdos a todos e a todas!