Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Febreiro, 2016

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

Curiosidades científicas na biblioteca

Unha das principais carencias da biblioteca que estamos tratando de paliar é a falta de fondos para investigación que resulten actuais, rigurosos, atractivos e adaptados ás necesidades do noso alumnado. O proxecto a longo prazo contempla dedicar a metade da biblioteca a este tipo de recursos e organizalos nos andeis seguindo a Clasificación Decimal Universal, é dicir, por áreas de coñecemento. Hai unhas semanas adquirimos unha colección de libros sobre ciencia da editorial Everest que nos pareceron axeitados para os nosos propósitos porque son lixeiros, fáciles de ler e veñen cheos de curiosidades científicas. Esta mañá xa foi emprestado o que trata sobre as construcións. Animamos a consultalos pois hainos sobre máquinas, climas, astros, comunicacións, transportes, etc.