Saltar ao contido principal

A física pode ser divertida

Todos os días da semana dedicamos polo menos 30 minutos á lectura. Na aula dos máis maiores, os nenos e nenas de sexto de primaria, Brais Torre presentou esta semana un dos seus libros favoritos. Titúlase Física divertida para gente curiosa, é da editorial SM. É un libro moi vistoso, con solapas que nos permiten interactuar cos seus contidos. Ademais de información moi valiosa sobre diversos aspectos desta ciencia como a luz, o movemento e a electricidade, o libro inclúe propostas de experimentos. Brais, en xesto de xenerosidade, decidiu que o libro quedara durante uns días na aula para que outros compañeiros poidan consultalo.

Grazas a este libro, por certo, coñecimos o nome do ilustrador inglés Thomas Flintham, autor de debuxos para moitos libros. Na aula quedamos encantados cos seus debuxos. Aquí podedes consultar unha escolma da súa obra por se vos interesa.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

Saúdos desde Baión

Benvidos e benvidas ao blogue da Biblioteca Escolar do CEIP de Sestelo-Baión. O curso está xa a puntiño de comezar e ao longo del iremos presentando as novidades que teñen por finalidade convertir a biblioteca nun espazo de animación á lectura e en centro de recursos útiles para o acontecer diario da nosa escola pública. Saúdos a todos e a todas!