Saltar ao contido principal

Novos axentes, nova enerxía

Estamos de volta despois de moito tempo. A biblioteca do colexio segue a necesitar do noso cariño e por iso imos poñer todas as nosas enerxías nela neste ano que comeza.
Moita enerxía é a que teñen os 10 axentes de biblioteca que empezarán a colaborar a partires da próxima semana. As súas primeiras funcións serán axudar na colocación de libros e na xestión dos empréstimos e as devolucións. Xa temos preparadas as súas acreditacións. Cada día da semana haberá dous axentes durante o tempo de recreo, é dicir, entre as once e media e as doce menos cuarto.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un autor que parece Roald Dahl

Algúns chámanlle o novo Roald Dahl pois o seu estilo ten moito parecido co do gran autor galés, pero David Walliams é moito máis ca un escritor de éxito. É actor, cómico, presentador de televisión, deportista e activista. Leva vendidos máis de catro millóns de libros desde que se iniciou na sempre esixente tarefa de escribir para o público infantil. Pois ben, o pasado mércores na aula de sexto de primaria, Sonia Santamaría elixiu un dos seus libros para presentarllo ao resto da clase. O título seleccionado foi La increíble historia de la dentista demonio ( Demon Dentist , 2013). Sonia leunos con moita animación o primeiro capítulo, o que conta a disparatada visita de Alfie, o protagonista da historia, ao seu incorrixible dentista. Este libro seguro que fará as delicias de todos os nenos e nenas que teñan a sorte de achegarse á obra de David Walliams. Por certo, acaba de saír editado hoxe mesmo un novo libro que leva por título Grandpa Great Escape , é dicir, algo así como a gran es...

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.