Saltar ao contido principal

Recatalogando fondos

Un dos principais obxectivos deste ano escolar é iniciar a recatalogación dos fondos bibliográficos para permitir a súa mellor identificación. Así estamos a colocar os primeiros tellolos a algúns libros de contos da editorial Blume escritos polo francés Antoon Krings. O sistema polo que nós apostamos é o código de cores que propón a rede de bibliotecas da Xunta de Galicia: azul nos libros axeitados para pre-lectores, vermello para os de 6, 7 e 8 anos; e verde para os de 9, 10 e 11 anos de idade.
A primeira liña do tellolo indica o grupo xenérico ao que pertence e a lingua na que está escrito. Así N-C refírese a narrativa en castelán. Na segunda liña aparecen en maiúsculas as primeiras tres letras do apelido do autor. É isto o que se utiliza para ordenalos nos andeis. Por último, na terceira liña, incluímos as tres primeiras letras do título.
Postos os alicerces da catalogación física queda por diante un traballo longo que permitirá atopar os libros con maior facilidade e que axudará ao alumnado a guiarse pola biblioteca con maior autonomía.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un autor que parece Roald Dahl

Algúns chámanlle o novo Roald Dahl pois o seu estilo ten moito parecido co do gran autor galés, pero David Walliams é moito máis ca un escritor de éxito. É actor, cómico, presentador de televisión, deportista e activista. Leva vendidos máis de catro millóns de libros desde que se iniciou na sempre esixente tarefa de escribir para o público infantil. Pois ben, o pasado mércores na aula de sexto de primaria, Sonia Santamaría elixiu un dos seus libros para presentarllo ao resto da clase. O título seleccionado foi La increíble historia de la dentista demonio ( Demon Dentist , 2013). Sonia leunos con moita animación o primeiro capítulo, o que conta a disparatada visita de Alfie, o protagonista da historia, ao seu incorrixible dentista. Este libro seguro que fará as delicias de todos os nenos e nenas que teñan a sorte de achegarse á obra de David Walliams. Por certo, acaba de saír editado hoxe mesmo un novo libro que leva por título Grandpa Great Escape , é dicir, algo así como a gran es...

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.