Saltar ao contido principal

A noite de San Xoán

En Baión coñecemos ben o San Xoán pois a igrexa parroquial está dedicada a este santo. Se somos precisos, deberiamos sinalar que a tradicion da súa festa é moi anterior. Provén dos tempos do paganismo, nos que todos os ritmos da vida viñan marcados pola natureza. Pero iso agora tanto ten.

Beatriz Rodríguez, de sexto de primaria, escolleu para a súa presentación un bonito conto de Agustín Fernández Paz que leva por título A lúa na fiestra. E aínda que andamos xusto no outro cabo do ano, achegándonos máis e máis á noite máis longa, pareceunos unha ocasión magnífica para lembrar algúns costumes desa noite de alegría na que damos a benvida ao verán con cacharelas e grande festa. Deunos para falar das herbas de San Xoán, esas que mesturadas con auga, ao albor do día seguinte, teñen un recendo máxico.


Ai, estes contos nos que facemos realidade ese soño eterno de poder voar, de pasar como foguetes por enriba das casas, ollar o mar como fan as gaivotas, os ríos, as montañas e as fragas húmidas cheas de vida animal.

Gustounos tanto o conto que quixemos contarllo ao autor. Por iso preparamos un tuit e enviámolo a Agustín Fernández Paz, quen, coa súa habitual xenerosidade, decidiu contestarnos axiña prometendo que recibiremos carta del. Agardamos por ela con ilusión. Agustín significa moito na nosa literatura infantil e xuvenil.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un autor que parece Roald Dahl

Algúns chámanlle o novo Roald Dahl pois o seu estilo ten moito parecido co do gran autor galés, pero David Walliams é moito máis ca un escritor de éxito. É actor, cómico, presentador de televisión, deportista e activista. Leva vendidos máis de catro millóns de libros desde que se iniciou na sempre esixente tarefa de escribir para o público infantil. Pois ben, o pasado mércores na aula de sexto de primaria, Sonia Santamaría elixiu un dos seus libros para presentarllo ao resto da clase. O título seleccionado foi La increíble historia de la dentista demonio ( Demon Dentist , 2013). Sonia leunos con moita animación o primeiro capítulo, o que conta a disparatada visita de Alfie, o protagonista da historia, ao seu incorrixible dentista. Este libro seguro que fará as delicias de todos os nenos e nenas que teñan a sorte de achegarse á obra de David Walliams. Por certo, acaba de saír editado hoxe mesmo un novo libro que leva por título Grandpa Great Escape , é dicir, algo así como a gran es...

Un cole cheo de detectives

Está a ter moito éxito entre os nenos e as nenas do colexio o xogo que lles propuxemos na biblioteca. Tirando proveito do libro Las aventuras de la mano negra , de Hans Jürgen Press (Espasa), pedimos que quen quixera xogar a ser detective se achegase á entrada da biblioteca para ler un capítulo do libro e buscar a resposta a unha pregunta final na ilustración que o acompaña. No tempo de recreo xúntanse moitos nenos que non paran de darlle voltas á cabeza. "Onde estará a pista?". Se o sabes tes que coller un papel e escribila xunto co teu nome. Logo debes botala na caixa negra. O venres será o día no que sacaremos da caixa un papeliño. Quen saia será o detective da seguinte semana. Desta primeira volta tocoulle en sorte tal honra a Antía Recarey, de cuarto de primaria. Noraboa e ánimo aos que aínda non se decidiron. A historia continúa.

A túa opinión importa

Hai unhas poucas semanas colocamos na entrada da biblioteca unha bonita libreta de pasta dura cunha cara sorrinte para animar a todos os usuarios a deixar escrita a súa opinión e as súas suxerencias. Así que remate o curso imos recoller todas esas aportacións para incluílas no proxecto do vindeiro curso. Sabemos que a biblioteca necesita moita renovación, pero queremos coñecer as inquedanzas que hai para así decidir entre todos o camiño que debemos tomar.